30/12/11

Hai traballo para quen queira traballar... gratis

Estamos a 30 de decembro e hoxe estiven a recoller un pouco, a reciclar papeis escritos polas dúas caras e que xa non valían... para comezar o novo ano máis fresquiña con espazo e sen ácaros: a mesa parece outra... Teño moito mérito porque a "limpeza xeral" vai en contra da miña natureza: cústame un mundo decidir que conservar e nunca tiro nada, por se acaso...

Tiven un flashback e fun ata a Lisboa de hai cinco meses, cando ir ao médico non era tan caro en Portugal e cando aínda non se pagaba nas estradas que non fosen autoestradas... mais xa se comezaban a ver cousas así

perdendo Dereitos; gañando Deberes
Por suposto que o seguirei a gardar: para non esquecer, para escribirmos nós mesmas a Historia... e para que o paso do tempo non dilúa as verdades.







30/11/11

Unha muller sen home é coma un peixe sen bicicleta

Como disque dixo unha tal Margot Lang,
"Eine Frau ohne Mann ist wie ein Fisch ohne Fahrrad"

27/11/11

Ideal mártir

Okupas irmandiñas desamortizan propiedades bancarias
Miña casiña, meu lar
Fame e frío

01/10/11

O que vou facer vai ser... anotar catro cousas para a reflexión

1) Describía magnificamente Rivas o Reino da Sombra e non  llelo permitiríamos  se nos respectásemos
2) Non ten que dicir que non poder beber dunha fonte é un atraso! Vén a conto porque o outro día vin unha noticia que me desgustou... sei que coma en Vilagarcía está contaminada a auga en máis lugares... O país dos mil ríos acumulando ftalatos no mar... a onde todo vai parar.

3)Pregunta: por que visten as nenas de regalo...? Para que se vaian afacendo a estar nos brazos do outono de El Corte Inglés?
E daquela acórdame "a  dolorosa" [léase, se se quere, a 'adolescencia'] e as palabras máxicas para convencerme do propio dereito a ser cando, mesmo pola rúa, tropezaban comigo e semellaba que non era lexítimo que ocupase un lugar no mundo:
Sim-ple-men-te levanta os pés e anda... sim-ple-men-te levanta os pés e anda...!
E agora quero pensar: "muller coma un sol, cre que ti podes facer o que sexa!"
Dica entrementes

18/09/11

Hoxe atopei unha mensaxe nunha botella de viño ribeiro

O tapón estaba podre e fixo falta romper a botella, porque cun aramio non conseguiamos extraer o papel sen esnaquizalo. Por favor, naúfragas e náufragos do mundo, atade cun cordeliño as vosas mensaxes... para que collan polo ghorghoso do recipiente!!
Xa non houbo nada que facer por outra banda, porque foi escrita en 2005, se é que non mente... así que non hai ninguén a quen rescatar. Onde vai que se lle acabaron os víveres na Illa da Creba!!! O selo do cromo de Bob Esponxa estaba intacto.
Da Creba á Salina cinco anos son moitos anos de singradura;-)
P.D.: Dedicado a Álex Colón.

31/08/11

A quen se anime en setembro!

Antes de máis nada teño que dicir que ...estivo "pechado por vacacións"... e nin letreiro puxen! Pídolle desculpas a ese numeroso grupo de seareiras/os que se encontraron privadas/os da actualización permanente dos nosos Falares.
Agora que xa estou coa conciencia máis tranquila, cóntovos:
Vin este vídeo "surfeando" por outros blogs próximos e pareceume interesante reproducilo aquí tamén:


Para quen se anime!

08/07/11

unha tarde calquera, destas de ultimamente

Ti podes pensar que ninguén te mira, pero queres saber que sempre ha de haber alguén observándote? Se non fíxate e verás. Eu, onte, parei unha folga e mirei a todo o mundo.
Foi xoves e máis ca nunca non había por onde andar: era un viveiro de xente: bolsas por aquí e mais cara alá! Serían as 6 da tarde, hora punta nun día de xullo de rebaixas cando xa hai moscas e bichos molestos... e o Códice Calixtino que non aparece...
En fin, a estación en que, con todo, levo dous días tendo frío, dous días con estufa...

23/06/11

...sae a primavera e volve o verán...


Xa non son de agora mesmo, senón de cando estabamos en pleno mes de maio, o mes das flores.

05/06/11

Advertencia: o seguinte texto pode ferir sensibilidades.

Cago na pega rabilonga do carallo! Púxome o coche perdido.

18/05/11

Os xenéricos en monodoses de Singala.

Agardo que vos gusten. Velaquí un dos Xenéricos en Monodose de Singala que eu prefiro: o da Responsabilidade.

O outro Xenérico preferido é o da Lingua Minoritaria.

24/04/11

INDIGNACIÓN parte II e algunha razón para o OPTIMISMO

...NON OBSTANTE tamén... me falou dun lugar onde quizais con moita sorte conseguirían unha peza útil de entre chatarras...
[...] Foi unha pena, só traballan con Phillips-e-Sony. Isto evócame os miles de cargadores de móbil únicos e propios para cada modelo de cada marca de cada... ¡montes de lixo exclusivo! [fin da parte II]
... NON OBSTANTE...
... eu sigo a buscar o xeito de arranxar a miña cámara...
... porque sei que...
…MENTRES, HAI PROXECTOS coma o ‘En Transición’ da usc que busca reducir a pegada ecolóxica e a dependencia enerxética
...MENTRES, A MIÑA AMIGA ANA, CONSTRÚE ARTE ECOLÓXICA BASEADA NA FILOSOFÍA DA RECICLAXE...
1ºpaso

e logo:
UNHA BONITA E ÚTIL MESA.
... de maneira que ten que haber esperanza!

21/04/11

INDIGNACIÓN parte I

Teño unha kodak EasyShareCX7220 de 2.0 megapixels. No obxectivo di KODAK RETINAR All GlassLens 39mm-78mm (Equivalent) 2xOptical. É made in China for EASTMAN KODAK COMPANY Rochester, NY 14650. Xúntolle unha tarxeta “Secure Digital Card ‘take MS’”de 128 MB.
Logo de descubrir o concepto de “obsolescencia programada” nada é o mesmo: miro o mundo con outros ollos.
Alá polos anos 80 meu pai regalárame unha cámara (mecánica, claro) que me duraría uns 13 anos a pleno rendemento… ata o 2000 en que se derramou por se descargaren unhas pilas dentro e xa non tivo amaño.
Entón merquei a dixital, esa coa que introducín o que están a ler. A cámara non tería mal ningún se non fose pola laceniña das pilas; téñoa suxeita cun esparadrapo pero cada vez está máis rota e non hai onde a reparen.
E mira que parece un arranxiño de nada!
Nunha –en tempos– tenda de revelados que sobrevive no mesmo local reconvertida e readaptada ao futuro [o presente non existe: dis “presente” e xa pasou… o futuro, habémolo de ver aínda… se cadra] foi onde me deu o primeiro ataque de indignación.
A dependenta sorprendeuse cando a viu e riuse cando soubo que pretendía reparala porque a quería seguir utilizando. Díxome que estaba anticuada cos precursores 2.0 megapixels do pre-principio dos tempos da Era Dixital...
...mentres, “ás 16 horas e 50 minutos do martes 19 de abril, España entra en déficit ecolóxico"
... mentres, publicítase un macroarmatoste de consumismo no lugar onde ninguén é forasteiro mais onde si hai moita estranxeira en propia terra...
[fin da parte I]

28/03/11

é un misterio

Quizais os veciños crean que viven nun lugar tranquilo, pero eu sei que algo pasa...
O letreiro que a desloce, vai xa para un mes, di: “Pechado por motivos persoais. Desculpen as molestias”...
“Iso é coma pór ‘Pecho porque quero’”- pensei a primeira vez que o lin. Mais agora todo vai cadrando porque reparei en que hai aproximadamente ese mes que ninguén viu o vello. O mesmo tempo que hai que a panadeira non lles deixa o pan. De feito, dubido moito que alguén comese do pan da última canasta que pasou por alí. Sería un par de días antes da aparición do letreiro. Dentro había xente coa porta pechada. Petei para avisar de que o coche-limpa-rúas o ía pór pingando e o home que estaba dentro (que non era o vello) dixo que nada podía facer para abrir a porta- polo visto non tiña as chaves.
Agora vese entrar e saír dous individuos que andarán pola trintena ou algo máis. Nalgunha ocasión acompañados dunha muller xa de idade (da mesma idade do vello, diría eu). Sacan caixas de carne para unha furgoneta todos os días. Desde fóra, mirando por riba do letreiro, aínda se poden ver, ao fondo, os chourizos colgados e, en primeiro plano, os “Tropicales” a caducaren... por motivos persoais.

16/03/11

Ilha das Flores

Recentemente fixen un cursiño on-line de portugués e faláronnos da curta titulada a Ilha das Flores que, segundo se pode ler na Wikipedia, escribiuna e dirixiuna o cineasta Jorge Furtado en 1989.


Para lelo premer en texto

16/02/11

Porque cambio de odontólogo tantas veces

Á miña dentadura quérolle moito- teño que recoñecelo- só porque é a que teño... porque é a miña có do máis... Tamén non deixa de ser verdade que sempre me gustaron moito os chocolates e a miña dentina, polo visto, é máis ben mol. Puxeron en práctica os seus coñecementos moitos profesionais nesta boca: a última clínica dental á que fun evitou unha cirurxía cística e agradézolle de corazón o seu traballo. Porén a persoa que me atendeu daquela ou xa non traballa alí ou eu non sei que foi dela... E os de agora semella que sempre andan con présas (o tempo é ouro) para facer caixa.
Por mor disto e porque onde “bolseo” a empresa páganos un seguro médico (non así a Seguridade Social) que inclúe unha revisión e unha limpeza anual gratis aproveitei para cambiar de dentista. Xente coñecida recomendoume a estomatóloga á que vou agora. De momento gústame porque é moi amable, ten tempo para che explicar o que che vai facer en cada momento e só intervén cando é estritamente necesario: non fura por furar vaia! O peor é o prezo... aínda bo é que só tiven un empaste.

04/02/11

Contra o cancro

E directamente relacionado co vídeo que acabo de pór están as enfermidades coma esta. Velaí vai unha páxina sobre a loita contra o cancro.
Saúde!

O lixo e o ecosistema

Gustoume moito este vídeo porque fala da "riqueza" mal entendida duns poucos e da pobreza de moita xente. Do mal repartido que está o mundo. Da vertixe alienante do ritmo de vida nos países desenvolvidos e/ou en desenvolvemento...

01/02/11

anuncio

Individuo hipersensible e sen empatía busca persoas para amizade.

28/01/11

En máis dun parágrafo, “Parrafada” gastronómica (aínda que no volG veña “Parrafeo”)

- Non podo máis… é que saber sabe ás pedras…pero non podo máis, de verdade. Non podo e acabouse.
- Non podo máis, non podo máis. Non podo máis voucho dar eu a ti! Que comes máis cos ollos que coa boca!
- Eu creo que xa vou ben acomerada, en serio. Despois resulta que temos os colesteroles altos e a médica de cabeceira ponnos a réxime… que tamén…debe ter o demo no corpo. E loh, non queres saber que trata a todo o mundo de obeso? Logo, logo, viches cousa ao paso? Esa, dígoche eu, que non é ben dada… ou nos quere a todos anoréxicos. Nin tanto nin tan pouco!
- Iso, ti cámbiame de tema…

27/01/11

Clásicos

- Hoxe recordei de madrugada coa mesma música na cabeza, seguido, seguido…coma se dun bucle se tratase.
- “Don Quijote de la Mancha come un huevo” …
Acórdaste? Mira a ver como é que segue


- “Don Quijote de la Mancha come un huevo y no se mancha; come dos y se escarrancha!” A min pásanseme as cousas pero de todo aínda non me esquezo.



- Ai si! Era así. Se non me fas o acordo sigo todo o día coa música esa!

26/01/11

die Teilnehmerin

Un día ela cabreouse moito. Era a única con vontade de botar unha man para pintar unha cancela e o que pasou foi que alguén pintar pintou... pero o canelo: emais ben pintado!! O tío dixéralle que se tiña que pararse con ela para lle ensinar era perder o tempo; que era mellor facelo ca mandalo!

E así é que TOOOODO o ten que facer el. Como non o ha de ter que facer- pregúntase ela- se o tal individuo non é quen de delegar tarefas? E este non se decatou de que mentres el estaba taaaan ocupaaado e rumiando que só un traballa, que os irmáns da rapaza (que eran os que el buscaba) estaban nomais que ás súas... a única voluntaria estaba ociosa... cando podería estar axudando.

A educación colaborativa de cooperación e traballo en grupo é, polo visto, algo máis recente... e o machismo aínda hoxe segue campando ás súas anchas.

12/01/11

Gripe

Dende o día 5 estou coa gripe ou catarro ou o que sexa. Hoxe, imprudentemente, volvín ao "traballo" (léase "bolsa") e creo que me entrou frío dentro do peito... Ai! que maliña estou e que pouco me queixo.

04/01/11

Diluvio

Ao diluvio foille indiferente o eclipse parcial de sol deste día... nestas latitudes.

03/01/11

tres "perdudas"

primeira: toldado coma o meu optimismo está o ceo.

segunda: non son impermeable: o frío acálame ós ósos.

terceira: hoxe pola rúa entre a chuvia recoñecín, tras as barbas brancas camuflado, Carlos Blanco. A punto de pedirlle "un autógrafo, por favor, no día 3 da miña Axenda do Desenvolvemento 2011" .