21/04/11

INDIGNACIÓN parte I

Teño unha kodak EasyShareCX7220 de 2.0 megapixels. No obxectivo di KODAK RETINAR All GlassLens 39mm-78mm (Equivalent) 2xOptical. É made in China for EASTMAN KODAK COMPANY Rochester, NY 14650. Xúntolle unha tarxeta “Secure Digital Card ‘take MS’”de 128 MB.
Logo de descubrir o concepto de “obsolescencia programada” nada é o mesmo: miro o mundo con outros ollos.
Alá polos anos 80 meu pai regalárame unha cámara (mecánica, claro) que me duraría uns 13 anos a pleno rendemento… ata o 2000 en que se derramou por se descargaren unhas pilas dentro e xa non tivo amaño.
Entón merquei a dixital, esa coa que introducín o que están a ler. A cámara non tería mal ningún se non fose pola laceniña das pilas; téñoa suxeita cun esparadrapo pero cada vez está máis rota e non hai onde a reparen.
E mira que parece un arranxiño de nada!
Nunha –en tempos– tenda de revelados que sobrevive no mesmo local reconvertida e readaptada ao futuro [o presente non existe: dis “presente” e xa pasou… o futuro, habémolo de ver aínda… se cadra] foi onde me deu o primeiro ataque de indignación.
A dependenta sorprendeuse cando a viu e riuse cando soubo que pretendía reparala porque a quería seguir utilizando. Díxome que estaba anticuada cos precursores 2.0 megapixels do pre-principio dos tempos da Era Dixital...
...mentres, “ás 16 horas e 50 minutos do martes 19 de abril, España entra en déficit ecolóxico"
... mentres, publicítase un macroarmatoste de consumismo no lugar onde ninguén é forasteiro mais onde si hai moita estranxeira en propia terra...
[fin da parte I]