09/01/13

Insomnio

29.12.2012
Normalmente durmo moi ben... mais hoxe estou esperta desde as tres da mañá. Hora indeterminada –por non mirar o reloxo– da alborada; serán as seis.

Estaba desvelada e entretívenme a debuxar... porque ás veces figúranseme imaxes nas cousas: como as fadas nas follas da laranxeira que se ven a través da xanela coas contras abertas antes de quedar a durmir.
Púxenme a descubrir un escribán na bolsa do Ikea de enriba do roupeiro. Tamén está o pantalón do andel dos libros coa forma de debuxo animado tipo Barrio Sésamo. E, para rematar, o golfiño de entre as engurras dunha toalla pousada no chan para lavar.

Pois púxenme a debuxar coma quen pinta a forma das nubes... e cheguei á conclusión de que necesito unhas cantas clases porque o golfiño semella un paxaro e as tres tentativas tornáronse en 3 escribáns diferentes.
O debuxo animado xa nin o intentei, pois non o acabo de perfilar ben no maxín.
De sempre, as pedras da paisaxe amósanme figuras (de se levantar o xigante da Silvosa alá iría o monte enteiro).

Sem comentários: