16/03/11

Ilha das Flores

Recentemente fixen un cursiño on-line de portugués e faláronnos da curta titulada a Ilha das Flores que, segundo se pode ler na Wikipedia, escribiuna e dirixiuna o cineasta Jorge Furtado en 1989.


Para lelo premer en texto

16/02/11

Porque cambio de odontólogo tantas veces

Á miña dentadura quérolle moito- teño que recoñecelo- só porque é a que teño... porque é a miña có do máis... Tamén non deixa de ser verdade que sempre me gustaron moito os chocolates e a miña dentina, polo visto, é máis ben mol. Puxeron en práctica os seus coñecementos moitos profesionais nesta boca: a última clínica dental á que fun evitou unha cirurxía cística e agradézolle de corazón o seu traballo. Porén a persoa que me atendeu daquela ou xa non traballa alí ou eu non sei que foi dela... E os de agora semella que sempre andan con présas (o tempo é ouro) para facer caixa.
Por mor disto e porque onde “bolseo” a empresa páganos un seguro médico (non así a Seguridade Social) que inclúe unha revisión e unha limpeza anual gratis aproveitei para cambiar de dentista. Xente coñecida recomendoume a estomatóloga á que vou agora. De momento gústame porque é moi amable, ten tempo para che explicar o que che vai facer en cada momento e só intervén cando é estritamente necesario: non fura por furar vaia! O peor é o prezo... aínda bo é que só tiven un empaste.

04/02/11

Contra o cancro

E directamente relacionado co vídeo que acabo de pór están as enfermidades coma esta. Velaí vai unha páxina sobre a loita contra o cancro.
Saúde!

O lixo e o ecosistema

Gustoume moito este vídeo porque fala da "riqueza" mal entendida duns poucos e da pobreza de moita xente. Do mal repartido que está o mundo. Da vertixe alienante do ritmo de vida nos países desenvolvidos e/ou en desenvolvemento...

01/02/11

anuncio

Individuo hipersensible e sen empatía busca persoas para amizade.

28/01/11

En máis dun parágrafo, “Parrafada” gastronómica (aínda que no volG veña “Parrafeo”)

- Non podo máis… é que saber sabe ás pedras…pero non podo máis, de verdade. Non podo e acabouse.
- Non podo máis, non podo máis. Non podo máis voucho dar eu a ti! Que comes máis cos ollos que coa boca!
- Eu creo que xa vou ben acomerada, en serio. Despois resulta que temos os colesteroles altos e a médica de cabeceira ponnos a réxime… que tamén…debe ter o demo no corpo. E loh, non queres saber que trata a todo o mundo de obeso? Logo, logo, viches cousa ao paso? Esa, dígoche eu, que non é ben dada… ou nos quere a todos anoréxicos. Nin tanto nin tan pouco!
- Iso, ti cámbiame de tema…

27/01/11

Clásicos

- Hoxe recordei de madrugada coa mesma música na cabeza, seguido, seguido…coma se dun bucle se tratase.
- “Don Quijote de la Mancha come un huevo” …
Acórdaste? Mira a ver como é que segue


- “Don Quijote de la Mancha come un huevo y no se mancha; come dos y se escarrancha!” A min pásanseme as cousas pero de todo aínda non me esquezo.



- Ai si! Era así. Se non me fas o acordo sigo todo o día coa música esa!

26/01/11

die Teilnehmerin

Un día ela cabreouse moito. Era a única con vontade de botar unha man para pintar unha cancela e o que pasou foi que alguén pintar pintou... pero o canelo: emais ben pintado!! O tío dixéralle que se tiña que pararse con ela para lle ensinar era perder o tempo; que era mellor facelo ca mandalo!

E así é que TOOOODO o ten que facer el. Como non o ha de ter que facer- pregúntase ela- se o tal individuo non é quen de delegar tarefas? E este non se decatou de que mentres el estaba taaaan ocupaaado e rumiando que só un traballa, que os irmáns da rapaza (que eran os que el buscaba) estaban nomais que ás súas... a única voluntaria estaba ociosa... cando podería estar axudando.

A educación colaborativa de cooperación e traballo en grupo é, polo visto, algo máis recente... e o machismo aínda hoxe segue campando ás súas anchas.

12/01/11

Gripe

Dende o día 5 estou coa gripe ou catarro ou o que sexa. Hoxe, imprudentemente, volvín ao "traballo" (léase "bolsa") e creo que me entrou frío dentro do peito... Ai! que maliña estou e que pouco me queixo.

04/01/11

Diluvio

Ao diluvio foille indiferente o eclipse parcial de sol deste día... nestas latitudes.

03/01/11

tres "perdudas"

primeira: toldado coma o meu optimismo está o ceo.

segunda: non son impermeable: o frío acálame ós ósos.

terceira: hoxe pola rúa entre a chuvia recoñecín, tras as barbas brancas camuflado, Carlos Blanco. A punto de pedirlle "un autógrafo, por favor, no día 3 da miña Axenda do Desenvolvemento 2011" .

19/12/10

Feliz Nadal

http://www.coordinadoraendl.org/nadal2010/recursos/index.php
Felices Festas: a coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística fai un gran labor pola nosa identidade.

15/12/10

Para a semana xa é Nadal

Este ano o Nadal non me di nada... simplemente son unhas vacacións máis. Non penso caer no consumismo nin deixarme cegar polas luces desorientadoras que nos distraen da realidade. Non penso escoitar sobredoses de vilancicos e, por último, desviarei a mirada dos balcóns "ghapeados" por bonecos colorados.

28/11/10

Ráscame a gorxa

O fresco polar quéreme cobrar factura... claro, o sol xa ten dona... Intuía eu que non quentaba igual para todos...
Saúdos

23/11/10

Odontóloga

Xa estamos a 23 de novembro e o obxectivo do pasado Aninovo de facer moito deporte está sen cumprir (nin se achega ao 20% de cumprimento... nin moito deporte nin pouco). Acordeime porque hoxe a odontóloga díxome que tiña que liberar estrés co exercicio físico por libre por lecer, isto é, sen competición de ningún tipo.

15/11/10

ich bin sehr müde

Pois iso, a falta de luz nesta época do ano fai que as costas me pesen e todo se me faga cOSTAarRIBa...
Aí vai un minitautograma con m:
medios merman mentes, mantéñense moitas menos multiperspectivas: mulleres modelos moven miradas, miden milímetros, morren...(medran macabros mausoleos marmóreos...Mentres, mercados manexan moedas: márketing, moda) 

Por agora nomais.

Recitemos e cantemos

Literatura popular infantil