28/10/12

Política e Felicidade

O que puido ter chovido...

Puf! Como pasa o tempo de rápido: son unha persoa enleada non sei con que cousas; en cada silva do camiño préndome [na urbe ten sentido metafórico: outro xeito de entendelo non sería posible]. Hai xente que di "que vella/o vou"... "e que pouco me queixo" -engade algunha. Pola contra, eu son pouco consciente da miña idade, vivo cansa nunha xuventude permanente por imperativo dos tempos grazas á inestabilidade laboral e económica; á deslocalización humana que carga caracolescamente coa-casa-ao-lombo-en-mudanzas-imposibles E así é que, a cada paso, proliferan lombos chepudos de olladas que tocan o chan e mancan os cotelos coa grava dos camiños. Hoxe a vida é unha adaptación constante... e, porén, todo semella estanco para non mudar. Cada vez máis xente pasa frío á intemperie dos caixeiros mentres a dereita gaña as eleccións.

02/08/12

Canículas de agosto e Xogos Olímpicos 2012

O desarranxo intestinal terá que ver cos cambios de temperatura destes días, supoño. Aínda que non teña nada de interesante, díxeno igualmente. Cambiando de asunto, o outro día vin a inauguración dos Xogos Olímpicos 2012 no salón coa miña avoa; ela dicíame "hai tantas cabezas coma areas no areal" e tiña razón. Tamén comentou que había "máis homes ca mulleres" e que "cada país tiña seu traxe" e como farían para, entre tanta xente como alí había, non repetir modelo.

06/07/12

O Paro

Hoxe o meu amigo Braulio comentoume, coma sempre, algo interesante: "O paro, sabes a quen beneficia? Beneficia ao CAPITAL. Por que? Porque a xente traballa máis horas por menos diñeiro por medo ao despedimento." Tamén me comentou que a principios do XX se reducira a xornada laboral en todos os lugares a 40 horas semanais, pero que chegou un momento que o tal CAPITAL dixo "Ata aquí" e entón agora volve falarse de máis horas e de xubilacións a idades maiores (mentres o paro xuvenil aumenta)e neste punto da historia xa me perdo e nada me ten sentido.

10/06/12

Sigo coas músicas

Estamos a 40 de maio e pasei frío estes días: hoxe tamén. Tiven a crise dunha indecisión no "ecuador da vida"... Se lese a letra pequena evitaba algunhas bagullas e o contaxio desa tristura a unha das persoas que máis quero: grazas polo teu apoio, o teu ombreiro e os abrazos que me dás. Unha tal Jacinta gravou en Cataluña o EP titulado "Jacinta canta en lingua galega" que foi publicado no 1967 por Edigsa EGCM2 - Galaxia.

Dança da Solidão

Día de soidades... non sei a causa...

18/05/12

O mes das flores

O día das Letras quedou atrás... Din que non tivo moita publicidade neste ano o homenaxeado, Valentín Paz Andrade. No autobús non regalaban nada, nin un poema. Foi unha mañá de actos e manifestacións e ofrendas. E unha tarde de descanso físico e reflexións. Debo atopar un traballo antes de que as reflexións invadan de todo a miña vida. Saudiños.

25/03/12

Domingo primaveral

E mira que onte parecía que se ía desprender a chover... o ceo estaba negro negro negrísimo, viña unha calor de treboada -desa de moscas con ás. Pero apurrou as nubes namais. Coma quen apurra un can manso.

Catro gotas que serviron para respirar o pó remexido do chan. U-lo arrecendo da terra mollada? Xa nin me acorda con esta seca, con este inverno-primavera atípicos.

As estacións xa non son o que eran, poida que sexan menos agora; poida que algunha marchase ou decidise ir de vacacións. Se cadra volve en xullo, ao revés da xente. Ben, o importante é que volva, que a botamos moito en falta aquí, entre o ceboliño esgorecido.

20/03/12

Que vai ser da miña vida [coma a de tant@s]

Levo unha ducia de días sen traballo remunerado... Que facer teño bastante, non penses, o caso é ter ghana. E a excusa do tempo xa non vale, por moito que pareza que os minutos teñen ás ou turbo ou teletransporte.

12/03/12

Fraseoloxía Visual




---------------------------------oooOOooo




Estas Fraseoloxías Visuais creounas o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
Parabéns!

04/01/12

máis agasallos da miña amiga creativa

Comezo o ano artisticamente:
... en breve máis, pero non mellor, porque é imposible ;-)

30/12/11

Hai traballo para quen queira traballar... gratis

Estamos a 30 de decembro e hoxe estiven a recoller un pouco, a reciclar papeis escritos polas dúas caras e que xa non valían... para comezar o novo ano máis fresquiña con espazo e sen ácaros: a mesa parece outra... Teño moito mérito porque a "limpeza xeral" vai en contra da miña natureza: cústame un mundo decidir que conservar e nunca tiro nada, por se acaso...

Tiven un flashback e fun ata a Lisboa de hai cinco meses, cando ir ao médico non era tan caro en Portugal e cando aínda non se pagaba nas estradas que non fosen autoestradas... mais xa se comezaban a ver cousas así

perdendo Dereitos; gañando Deberes
Por suposto que o seguirei a gardar: para non esquecer, para escribirmos nós mesmas a Historia... e para que o paso do tempo non dilúa as verdades.







30/11/11

Unha muller sen home é coma un peixe sen bicicleta

Como disque dixo unha tal Margot Lang,
"Eine Frau ohne Mann ist wie ein Fisch ohne Fahrrad"

27/11/11

Ideal mártir

Okupas irmandiñas desamortizan propiedades bancarias
Miña casiña, meu lar
Fame e frío

01/10/11

O que vou facer vai ser... anotar catro cousas para a reflexión

1) Describía magnificamente Rivas o Reino da Sombra e non  llelo permitiríamos  se nos respectásemos
2) Non ten que dicir que non poder beber dunha fonte é un atraso! Vén a conto porque o outro día vin unha noticia que me desgustou... sei que coma en Vilagarcía está contaminada a auga en máis lugares... O país dos mil ríos acumulando ftalatos no mar... a onde todo vai parar.

3)Pregunta: por que visten as nenas de regalo...? Para que se vaian afacendo a estar nos brazos do outono de El Corte Inglés?
E daquela acórdame "a  dolorosa" [léase, se se quere, a 'adolescencia'] e as palabras máxicas para convencerme do propio dereito a ser cando, mesmo pola rúa, tropezaban comigo e semellaba que non era lexítimo que ocupase un lugar no mundo:
Sim-ple-men-te levanta os pés e anda... sim-ple-men-te levanta os pés e anda...!
E agora quero pensar: "muller coma un sol, cre que ti podes facer o que sexa!"
Dica entrementes

18/09/11

Hoxe atopei unha mensaxe nunha botella de viño ribeiro

O tapón estaba podre e fixo falta romper a botella, porque cun aramio non conseguiamos extraer o papel sen esnaquizalo. Por favor, naúfragas e náufragos do mundo, atade cun cordeliño as vosas mensaxes... para que collan polo ghorghoso do recipiente!!
Xa non houbo nada que facer por outra banda, porque foi escrita en 2005, se é que non mente... así que non hai ninguén a quen rescatar. Onde vai que se lle acabaron os víveres na Illa da Creba!!! O selo do cromo de Bob Esponxa estaba intacto.
Da Creba á Salina cinco anos son moitos anos de singradura;-)
P.D.: Dedicado a Álex Colón.

31/08/11

A quen se anime en setembro!

Antes de máis nada teño que dicir que ...estivo "pechado por vacacións"... e nin letreiro puxen! Pídolle desculpas a ese numeroso grupo de seareiras/os que se encontraron privadas/os da actualización permanente dos nosos Falares.
Agora que xa estou coa conciencia máis tranquila, cóntovos:
Vin este vídeo "surfeando" por outros blogs próximos e pareceume interesante reproducilo aquí tamén:


Para quen se anime!

08/07/11

unha tarde calquera, destas de ultimamente

Ti podes pensar que ninguén te mira, pero queres saber que sempre ha de haber alguén observándote? Se non fíxate e verás. Eu, onte, parei unha folga e mirei a todo o mundo.
Foi xoves e máis ca nunca non había por onde andar: era un viveiro de xente: bolsas por aquí e mais cara alá! Serían as 6 da tarde, hora punta nun día de xullo de rebaixas cando xa hai moscas e bichos molestos... e o Códice Calixtino que non aparece...
En fin, a estación en que, con todo, levo dous días tendo frío, dous días con estufa...

23/06/11

...sae a primavera e volve o verán...


Xa non son de agora mesmo, senón de cando estabamos en pleno mes de maio, o mes das flores.

05/06/11

Advertencia: o seguinte texto pode ferir sensibilidades.

Cago na pega rabilonga do carallo! Púxome o coche perdido.